- Desas incorporacións, o 57% son homes e o 43% mulleres
O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) acadou durante o ano 2020 a inserción laboral de 1.705 persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral para a ocupación habitual. De entre estas 1.705 insercións, o 57% son homes e o 43% mulleres. Ademais, o 63% desas incorporacións realizáronse en empresa ordinaria e o 37% nunha empresa protexida de economía social.
“Este ano 2020 foi un dos máis complicados, polo que dende o noso servizo intentamos dende o principio adaptarnos ás novas circunstancias, sen deixar de atender tanto ás persoas como ás empresas» destacou a coordinadora do SIL, Mary Ínsua Fabeiro.
Desde 1996 traballando pola inclusión completa
O Servizo de Emprego de COGAMI, posto en marcha en 1996 como aposta pola inclusión das persoas con discapacidade no mercado laboral, conta con 18.174 persoas inscritas como demandantes de emprego, o 58% homes e o 42% mulleres.
Como perfil dominante, o 72% destas persoas inscritas teñen recoñecida a discapacidade física e, atendendo á idade, o 25% comprende entre os 18 e 40 anos, o 55% está na franxa de 41 e 55 anos e o 20% restante con idade entre os 56 e os 65 anos.
O servizo de emprego de COGAMI non é alleo á situación económica actual que afecta ao mercado laboral e ao tecido empresarial do país. En palabras da coordinadora do SIL “apreciamos un descenso do 26% das persoas inseridas no mercado laboral con respecto a 2019, ademais dunha baixada do 37% nas ofertas xestionadas polas empresas”.