COGAMI imparte en Cabana curso de administrativo para persoas con discapacidade


As instalacións que ten a asociación ÍNTEGRO de Cabana de Bergantiños en Nantón, entidade que forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), acollen un curso AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais no que se están a formar 14 persoas.

Esta formación, que cofinancia a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, consta de 448 horas lectivas que se imparten ata o día 13 de abril, en horario de 9:30 a 14:30 horas, e está dividida nos seguintes módulos: técnicas administrativas básicas de oficina, operacións básicas de comunicación, reprodución e arquivo, prácticas profesionais non laborais, ademais das materias transversais de inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero, ademais de formación para a igualdade.

O curso inicia con 14 persoas, 4 mulleres e 10 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo ou de incapacidade laboral para a profesión habitual, con idades comprendidas entre os 21 e os 52 anos, que proceden dos concellos de Malpica (2), Coristanco (2), Laxe (2), Vimianzo (1), Zas (1), Cabana de Bergantiños (1) e A Laracha (1).

A maioría das persoas que forman parte do curso traballaron anteriormente en sectores diversos como a limpeza, operario de almacén, reparto, hostalería, comercio, construción, transporte, asistencia domiciliaria ou sectores cárnico e forestal.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 523 persoas inscritas na comarca de Bergantiños e 72 persoas inscritas na comarca de Soneira.