COGAMI inicia curso de actividades administrativas na comarca coruñesa


Un total de 15 persoas con discapacidade, 12 mulleres e 3 homes, veñen de iniciar nas instalacións que COGAMI ten en A Coruña, un curso de Actividades administrativas na relación co cliente que lles imparte a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade.

Este curso denominado AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) está cofinanciado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.

As 15 persoas seleccionadas, que proceden dos concellos de A Coruña (8), Cambre (2), Arteixo (2), Sada (2) e Oleiros (1), acoden ás clases teóricas de luns a venres en horario de 9 a 14 horas. Todas teñen, como mínimo, o certificado da ESO e, cunha media de idade que oscila os 50 anos, contan con experiencia laboral previa como auxiliares administrativos, comercio, hostalería, carpintería, limpeza ou turismo. Apuntáronse a este curso porque precisan reorientar o seu perfil para outro tipo de ocupacións laborais ou traballar as competencias dixitais para mellorar a súa empregabilidade.

Para rematar exitosamente a formación, terán que completar as 818 horas que contempla de duración, co que rematará a finais do mes de xullo. Entre os módulos que van tratar están o de técnicas de recepción e comunicación, operacións administrativas e comerciais, gravación de datos, xestión de arquivos, lingua estranxeira profesional para a xestión administrativa na relación co cliente, ofimática, prácticas profesionais non laborais, inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero.

A partir deste mes de novembro, a área de Formación de COGAMI iniciará 14 cursos AFD en diferentes concellos galegos que se irán desenvolvendo neste período 2022-2023. Todas estas accións formativas están dirixidas a persoas con discapacidade desempregadas, e teñen por finalidade mellorar a empregabilidade, incrementar as competencias profesionais e posibilitar a inserción no mercado de traballo.