COGAMI inicia o curso escolar con formación inclusiva dirixida a profesorado e familias

2 minutes read

Comeza o curso escolar, e con el COGAMI retoma o proxecto Red DUActiva: Diversidade, Acción e Transferencia na aula, unha iniciativa que se está a desenvolver en colaboración con COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) para avanzar cara a unha educación plenamente inclusiva.

O proxecto, financiado pola Fundación ONCE e o Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030, ten como obxectivo garantir o dereito á educación inclusiva do alumnado con discapacidade mediante unha intervención integral dirixida a toda a comunidade educativa.

Entre as actuacións desenvolvidas atópanse a formación e capacitación do persoal docente, o acompañamento aos centros educativos, a elaboración de materiais baseados no Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) e o apoio ás familias, promovendo redes de colaboración e espazos para compartir coñecementos e experiencias.

No que levamos de ano, Red DUActiva chegou a 50 centros educativos e 30 entidades, ademais de formar 325 docentes e sensibilizar a preto de 1.400 alumnas e alumnos. Tamén se prestou atención e asesoramento en materia educativa a 34 familias. O proxecto desenvolveuse en 29 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na Coruña, chegou a Carnota, Zas, Muros, Ponteceso, Ferrol, Fene, Arteixo, Oleiros, Cambre e A Coruña; en Lugo, a Lugo, Cervo, Vilalba, Chantada, As Nogais, Ferreira de Pantón, Bóveda, Samos, Cervantes, Monterroso e A Pastoriza; e en Pontevedra, a Vigo, Nigrán, Pontevedra, Mos, Moaña, Lalín, Ponte Caldelas e A Guarda.

Co inicio deste curso, durante o primeiro trimestre o programa continuará coa formación dirixida ao profesorado e ás familias, a elaboración de novos materiais DUA e o préstamo de produtos de apoio aos centros educativos para facilitar a participación do alumnado que os precise.

Ademais, manterase a atención e orientación ás familias de alumnado con necesidades educativas especiais derivadas da súa discapacidade, ofrecendo información e acompañamento adaptados ás súas necesidades.

Entre os produtos de apoio máis solicitados destacan os dispositivos relacionados cos Sistemas Aumentativos e Alternativos da Comunicación (SAAC), así como diferentes solucións tecnolóxicas, como tablets, teclados e outros dispositivos que facilitan a comunicación, a aprendizaxe e a participación do alumnado.

Red DUActiva aposta así por trasladar a inclusión á práctica diaria dos centros educativos, proporcionando ferramentas e recursos que permitan eliminar barreiras e favorecer a igualdade de oportunidades para todo o alumnado.