- Na Xunta de Goberno Local tamén se fixou o día 6 de xullo para citar aos actuais propietarios dos terreos onde se sitúa o menhir de Erboedo e proceder ao pagamento da expropiación
Este luns celebrouse na Laracha unha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local onde foi adxudicada a Cogami Reciclado de Galicia S.L. a xestión das instalacións do punto limpo durante catro anos (dous prorrogables por outros dous máis). O contrato tivo un orzamento máximo de licitación de 282.917,10 euros máis IVE, e tamén inclúe o servizo de recollida de voluminosos a domicilio, a recollida dos colectores de papel-cartón, vidro e roupa e, por primeira vez, a xestión dos novos colectores de aceite de uso doméstico que serán implantados polo Concello. A nova concesionaria deberá subrogar os contratos do persoal que viña prestando con anterioridade o servizo.
Outro dos contratos adxudicados foi o do servizo de socorrismo, salvamento, vixilancia e primeiros auxilios que se prestará na praia de Caión durante o verán. Desde este martes e ata o 15 de setembro TOP Rescue S.L. disporá dun total de sete socorristas –un deles debe contar coa titulación de patrón de embarcación- e un coordinador xeral que traballarán en horario de 12 a 20 horas. O Concello inviste máis de 58.000 euros neste servizo, que será complementado con dous efectivos máis a través da convocatoria de axudas da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Por outra banda, o día 6 de xullo citarase aos actuais propietarios dos terreos nos que se sitúa o menhir de Erboedo para proceder ao pagamento da expropiación e ao correspondente levantamento das actas previas á ocupación, dándose así por concluído o procedemento. O Concello investirá 8.000 euros na adquisición dunha superficie de 4.651 metros cadrados -repartidos en tres parcelas catastrais cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico de protección integral de patrimonio e solo rústico de protección forestal ou de montes- co propósito de preservar o valor histórico do que é un dos elementos máis importantes do patrimonio arqueolóxico municipal.