COGAMI pon en valor o traballo das entidades na atención ás persoas máis vulnerables

Campaña "12 chaves da inclusión"_COGAMI

  • Para celebrar os seus 30 anos, COGAMI lanzou varias pezas audiovisuais e a deste mes de outubro vai adicada ao movemento asociativo

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) continúa poñendo en valor o traballo e os dereitos das persoas con algunha discapacidade, así coma o labor das 55 entidades que forman parte da Confederación, durante estes meses tan complicados pola pandemia provocada pola Covid-19.

Para celebrar os 30 anos da súa creación, a Confederación elaborou varias pezas audiovisuais para chegar ao maior público posible e, este mes de outubro, dedícalle un vídeo ao movemento asociativo, ás entidades que durante o confinamento e a desescalada segfuiran axudando ou asesorando a quen máis o precisaba, levando ademais tratamentos médicos aos domicilios.

A través das 12 Chaves da Inclusión COGAMI quere sensibilizar sobre os dereitos básicos e fundamentais de todas as persoas coa difusión de 12 pezas audiovisuais que se difunden en redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI. Cada peza refírese a un dereito: a primeira foi educación inclusiva; febreiro centrouse na autonomía persoal; marzo nos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade; abril saúde; maio emprego; xuño á economía social; xullo á accesibilidade; agosto ao voluntariado e setembro ao turismo, lecer e deporte. Tras dedicar este mes de outubro ao movemento asociativo, o seguinte, novembro, falará da infancia e xuventude e decembro estará dedicado aos dereitos.