As problemáticas na traxectoria formativa que atopa unha persoa con discapacidade danse dende a infancia. Aínda que o artigo 27 da Constitución recolle que “Todos temos dereito á educación. Recoñécese a liberdade de ensino” e o apartado 5 apunta que “Os poderes públicos garanten o dereito de todos á educación”, hoxe en día aínda existe un sistema educativo segregador que prexudica ao 20% das nenas e nenos con discapacidade.
O centro escolar ten que contar con persoal, ferramentas e instalacións axeitadas ás necesidades do alumnado e isto conséguese a través dunha política educativa inclusiva real, co apoio de recursos materiais, de docentes e económicos necesarios para o alumnado e as súas familias. É necesario favorecer a continuidade no sistema educativo e o seu acceso a niveis superiores; o nivel de estudos é un factor clave na inclusión laboral das persoas con discapacidade.
A FORMACIÓN: UNHA APOSTA DE COGAMI
A formación para o emprego ten por finalidade impulsar unha educación que contribúa ao desenvolvemento persoal e profesional, mellorando a empregabilidade e a promoción no traballo. Esta formación responde ás necesidades do mercado laboral e está orientada á mellora da competitividade empresarial.
Para este ano, COGAMI ten programada a impartición de 35 cursos formativos, dos que xa se foron desenvolvendo ao longo deste primeiro cuadrimestre un total de 22 formacións ás que asistiron 230 persoas, todas elas con posesión do certificado de discapacidade recoñecido dun mínimo do 33% ou de incapacidade laboral para a profesión habitual que outorga a Seguridade Social.
Case a metade das persoas que se forman con COGAMI acaban inseridas, unhas conseguen ser contratadas polas propias empresas nas que realizan as prácticas laborais durante a aprendizaxe e outras porque se forman en temáticas demandadas polo tecido empresarial das súas zonas. Algúns exemplos dos cursos impartidos no que vai deste ano son atención ao cliente, conserxería, xestión administrativa, xardinería, control de accesos, comercio, xestión de residuos e competencias clave e dixitais.