- A Confederación solicita que a Administración conte coas organizacións de persoas con discapacidade no inicio desta nova etapa escolar
Este xoves a maioría dos nenos galegos voltan á escola e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) fai un chamamento á Educación para que conte co apoio e asesoramento das organizacións de persoas con discapacidade co fin de que a totalidade do alumnado poida formarse en igualdade de condicións.
COGAMI propón medidas para que o novo curso sexa inclusivo e se adapte ás necesidades do alumnado con discapacidade, tanto no ensino presencial como no telemático ou mixto. “Nesta nova realidade non se pode poñer en risco o dereito a unha educación inclusiva e de calidade para todas as persoas”, apunta o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.
A pandemia da Covid-19 deixou patente que existe unha fenda dixital profunda en España: moitas familias non dispoñen de dispositivos nin de acceso á Internet e, por suposto, a tecnoloxía non sempre está diseñada para persoas con algún tipo de discapacidade.
Co fin de buscar solucións, COGAMI recolle un conxunto de medidas que teñen por finalidade garantir a todas as nenas e nenos unha educación inclusiva como implantar o enfoque do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) en todos os procesos educativos, fomentando a aprendizaxe colaborativa coa finalidade de facilitar a integración da diversidade. Desde a Confederación tamén subliñan que, nesta nova realidade, o alumnado con necesidades educativas especiais debe contar con persoal de apoio para evitar a sobrecarga nas familias, garantindo ademais a atención integral centrada na persoa. Tamén recalcan que será preciso incrementar «a coordinación cos centros sanitarios, especialmente naqueles onde haxa alumnado de alto risco con afeccións crónicas vulnerables á infección por Covid-19, contando cun protocolo específico de actuación».
Outras medidas recollen a necesidade de que os programas educativos fomenten a diversidade e teñan en conta as especificidades do alumnado con necesidades educativas especiais, así como proporcionar materiais e recursos necesarios como un profesorado formado en novas tecnoloxías.
O reforzo dos programas para loitar contra o acoso escolar tamén é un dos principais puntos expostos, tendo en conta a situación de maior vulnerabilidade do alumnado que ten discapacidade.