- O seu programa educativo, iniciado no 2016, busca que as persoas con discapacidade participen no sistema escolar en igualdade de condicións
O proxecto de educación inclusiva e de soporte á atención ao alumnado con necesidades educativas debido á súa discapacidade, promovido pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), en colaboración coa Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COEMFE), concienciou durante o 2020 a un total de 1.420 alumnos de 70 centros educativos de A Coruña, Lugo e Vigo que participaron nalgúns dos 69 obradoiros de sensibilización.
Iniciado no ano 2016, este programa pretende promover a escola inclusiva, o desenvolvemento persoal e profesional do alumnado con discapacidade e a súa participación no sistema escolar en igualdade de condicións.
O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, destaca que “se normalizamos a discapacidade na xuventude, lograremos un futuro sen barreiras mentais á hora de relacionarse con persoas con discapacidade”.
Outras das actividades que contempla este programa de educación inclusiva é a formación dirixida a profesorado, impartíndose un total de 28 accións formativas nas que participaron 327 docentes. Ademais, asináronse 28 compromisos con outros tantos centros educativos e asesorouse a 11 familias con obradoiros de alfabetización dixital básica para nais e pais.
Ademais dos centros educativos e das familias, o programa de formación inclusiva traballou tamén con 14 entidades e comezou a operar coas Universidades de A Coruña e Vigo.