Colaboración e diálogo entre a Xunta e o Goberno para o seguimento das ocupacións ilegais de vivendas

Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión de traballo co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, ao que lle expuxo a preocupación da Administración autonómica ante esta problemática que “xera inquedanza social non só polos números, senón pola compoñente social que hai detrás de cada ocupación ilegal dunha vivenda”. Tal e como lle trasladou a conselleira, “estamos ante un problema cualitativo máis que cuantitativo”; porque preocupan as persoas que están detrás de cada número e as consecuencias que implican no seu día. Durante o encontro, a conselleira tamén lle trasladou ao delegado do Goberno que a Xunta está tomando medidas, dentro das limitadas competencias, e así propuxo ao Observatorio da Vivenda dúas medidas para poñer en marcha, como un teléfono específico de atención ao cidadán para ofrecer información e asesoramento legal aos propietarios que se vexan prexudicados pola ocupación das súas vivendas; e a realización dun Mapa de vivendas ocupadas en Galicia, que permita ter datos reais deste problema.