Colaboración entre a Xunta e o Porto da Coruña para optar aos fondos europeos Next Generation

1 minutes read

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, e o director desta entidade, Juan Diego Pérez, para avanzar no desenvolvemento de proxectos industriais cos que optar aos fondos europeos de recuperación Next Generation.

En concreto, estanse a estudar diferentes propostas en ámbitos como o industrial, as enerxías renovables e a transición enerxética. Neste sentido, Conde e Fernández Prado coincidiron en subliñar a oportunidade que brindan os fondos europeos para propiciar a captación de novas industrias e tráficos portuarios para punta Langosteira que contribúan á creación de emprego.

O vicepresidente económico puxo de relevo a importancia da colaboración entre todos os axentes para lograr estes obxectivos, apuntando que os portos galegos son infraestruturas clave para alcanzar a transformación da economía galega no actual contexto económico.

O presidente do Porto da Coruña aproveitou para trasladarlle ao vicepresidente económico as principais liñas coas que traballa a Autoridade Portuaria para a elaboración do Plan Estratéxico 2021-2025.