Colaboración institucional para adaptar os portos autonómicos aos efectos do cambio climático

1 minutes read

As consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar colaborarán para adaptar os portos autonómicos aos efectos do cambio climático. As conselleiras Ángeles Vázquez e Rosa Quintana asinaron un convenio de cooperación para elaborar plans de acción necesarios para adaptar os terreos de cada zona portuaria, así como as súas infraestruturas.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez achegará 132.000 euros para financiar os traballos que abordará o organismo autonómico Portos de Galicia e que consistirán na elaboración de estudos para coñecer a vulnerabilidade de cada tramo de costa fronte aos efectos do quecemento global.

A conselleira de Medio Ambiente explicou que facendo un seguimento do aumento do nivel medio do mar ou da temperatura superficial do mar, así como da súa acidificación; poderán establecerse medidas en plans de acción que aumenten a resilencia da costa galega.

Unha das principais medidas será a implantación dun sistema de alerta temperá, que integre a previsión meteorolóxica con información específica sobre as condicións de navegabilidade nas canles de navegación, axitación interior no porto ou condicións de pase e inundación.

A conselleira do Mar, pola súa banda, destacou que este convenio permitirá afondar no estudo do cambio climático e preparar ás zonas portuarias para os retos derivados del. Neste sentido, lembrou que Galicia conta con 122 peiraos de titularidade autonómica que son fundamentais para o desenvolvemento económico da súa contorna e unha peza clave na creación de emprego e riqueza.

Por iso, Rosa Quintana incidiu na importancia de avaliar os retos derivados do cambio climático na comunidade para poder afrontalos e mitigar o seu impacto garantindo o desenvolvemento futuro das actividades costeiras e especialmente as relacionadas coas zonas portuarias.