Colaboración para o impulso de accións formativas en tecnoloxías emerxentes na UDC


A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, asinaron un protocolo xeral de colaboración entre ambas as dúas institucións, que servirá como base para proxectos futuros de desenvolvemento de accións formativas para o emprego, en concreto, no ámbito das tecnoloxías emerxentes, no que a Xunta está a incidir. O protocolo permitirá articular convenios de colaboración no eido da formación durante os próximos catro anos. A cooperación materializarase ademais no desenvolvemento de programas de formación de persoal técnico e/ou docente, no asesoramento mutuo entre Xunta e a universidade herculina ou no intercambio de publicacións e materiais de investigación. A Xunta e a Universidade comprométense, deste modo, a fomentar o intercambio de experiencias e de persoal nos campos da docencia e a formación, dentro daquelas áreas nas cales ambas as dúas teñan interese manifesto.