Colexios da Baña, Bueu, Cospeito, Ferrol, Laza, Malpica, Vedra e Vilagarcía gañan o VII Concurso de Podcasts-Radio na Biblio

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar os gañadores do VII Concurso de Podcasts-Radio na Biblio, que convoca en colaboración coa Radio Galega. Oito centros educativos da Baña, Bueu, Cospeito, Ferrol, Laza, Malpica de Bergantiños, Vedra e Vilagarcía de Arousa álzanse cos galardóns deste certame, que nesta edición está dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, ás que se lle rende homenaxe co gallo do Día das Letras Galegas 2025.

Así pois, a través destes traballos, homenaxéase a Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–,  e rememórase á literatura de base popular, sempre unida á música como tesouro patrimonial colectivo.

Os centros participantes presentaron un podcast en lingua galega cunha duración de entre tres e cinco minutos, que podía ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un espazo de noticias, un faladoiro, un recital, un debate ou un programa monográfico, entre outros. O contido debía versar sobre aspectos bio-bibliográficos das mulleres homenaxeadas, a importancia e representación das cantigas populares, a relación entre a literatura e a música e a muller na literatura galega ou as mulleres nas Letras Galegas.

Os centros e traballos galardoados son os recollidos na seguinte táboa:

CategoríaProvinciaConcelloCentroPodcast
Ed. InfantilOurenseLazaCEIP O CastiñeiroO noso son
1º e 2º de Ed. PrimariaA CoruñaFerrolCEIP Plurilingüe San Xoán de FilgueiraEsas voces que resoan
1º e 2º de Ed. PrimariaA CoruñaVedraCEIP OrtigueiraEco do pasado
3º e 4º de Ed. PrimariaPontevedraBueuCEIP Plurilingüe da Torre- CelaSabichón 2P2 e os misterios. O mundo das cantareiras
5º e 6º de Ed. PrimariaA CoruñaMalpica de BergantiñosCEIP MilladoiroA nosa herdanza
1º e 2º de ESOLugoCospeitoCPI Plurilingüe Virxe do MonteCultugal
3º e 4º de ESOA CoruñaA BañaCPI de San VicenteAs Letras cantan, e A Baña tamén!
Outras ensinanzasPontevedraVilagarcía de ArousaCEE de Vilagarcía de ArousaCantareiras: voces e tradición

Cada un deles recibe unha asignación de 1.250€ para melloras no laboratorio/emisora de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento deste laboratorio de radio, sempre vinculado á biblioteca do centro. Os traballos premiados serán emitidos por Radio Galega e serán difundidos a través da súa páxina web.

Podían participar neste concurso os 220 centros públicos que forman parte do programa Radio na Biblio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP, así como outros centros que traballan co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica.

Related posts

AFAGA entrega os premios do seu XI Certame Literario de Relato Curto ‘Nun Recuncho da Memoria’ 2025

O envorco dun coche en Cerceda deixou unha persoa falecida | Tamén falece outra que caeu por un terraplén na Veiga

Un autobús atropelou a catro persoas cando manobraba nas proximidades dunha discoteca en Pontecesures