“Este edificio será sobre todo un templo das artes, un gran escenario para a música, a danza, o deporte e o teatro. Pero tamén unha instalación de gran importancia económica para o desenvolvemento do Concello, un complemento da actividade turística”. Con estas palabras presidía o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, o acto de colocación da primeira pedra do emblemático edificio de Bastiagueiro. O alcalde referiuse tamén a que o edificio xa se intentara facer en 2005, “pero que foi paralizado polo PSOE e o PP, sempre facendo pinza contra o progreso de Oleiros”. Naquela ocasión, o Concello tivera que indemnizar á construtora con case 200.000 euros. “Se puidésemos facelo no 2005 xa o estaríamos disfrutando agora”, dixo García Seoane. O cofre que se enterrou baixo os alicerces do futuro recinto, de medio metro cúbico, contiña tamén xornais do día, moedas e algunha publicación, ademais dunha “Carta a quen sabe quen”, asinada polo alcalde, dirixida ás persoas que poidan chegar a lela no futuro, e na que fai algunhas reflexións sobre Oleiros e o mundo neste momento concreto da historia.