A Copa do Mundo de Catar, sumida na polémica antes do seu inicio, volve á palestra polos comentarios homófobos do seu embaixador Khalid Salman, antigo xogador da selección nacional. Nunha entrevista coa televisión alemá cualificou a homosexualidade de pecado e desviación mental, segundo a interpretación da lei islámica que rexe no seu país. Os comentarios causaron indignación en Alemaña e noutros países.
A ministra alemá do Interior cualificounas de «terribles» e dixo que o primeiro ministro de Catar prometera «garantías de seguridade» para os seareiros do colectivo LGTBI. Varias seleccións que participan no torneo mostráronse dispostas a levar un brazalete ‘arco da vella’ como resposta á criminalización das persoas LGTBI no emirato.
Quedan pouco menos de dúas semanas para que comece o Mundial de Fútbol en Catar, unha ditadura que non respecta os dereitos humanos, con leis que discriminan ás mulleres e aos colectivos LGTBQ.