O primeiro mes de campaña do polbo arroxa excelentes cifras para o sector. Así, desde o 1 de xullo, xa foron comercializadas preto de 290 toneladas desta especie nas lonxas galegas deixando unha facturación superior aos 3,3 millóns de euros. Uns números que melloran substancialmente os rexistrados no 2024 cun incremento do 100 % na produción e un 122 % nos ingresos grazas, en parte, a un prezo medio por quilo de 11,45 euros fronte aos 10,42 do pasado ano. En xullo do pasado ano, as lonxas galegas poxaron 143.254 quilos por valor de 1.492.174 euros.
Deste xeito, as tres rulas con maior actividade están a ser Ribeira, Bueu e Vigo. Comercializaron, respectivamente, 75.073, 41.020 e 26.498 quilos de cefalópodo; o que supuxo unha facturación de 805.371 euros no caso da do Barbanza, 498.873 na bueuense e 342.210 na viguesa. Estes datos son notablemente superiores aos rexistrados en 2024 por estas mesmas datas: Ribeira: 37.911 quilos (402.829 euros); Bueu: 17.035 quilos (175.231 euros); e Vigo: 14.979 quilos (169.648 euros).
A actividade da frota regresou, por tanto, con forza despois de tres meses sen actividade despois do acordo alcanzado entre a Consellería do Mar e o sector para realizar unha parada biolóxica no mes de abril, na que a Xunta mobilizou 4 millóns en axudas aos profesionais afectados, e unha veda nos meses de maio e xuño. O obxectivo destas medidas técnicas, que recolle o plan do polbo, é axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación sostible deste recurso pesqueiro.
Neste período quedou expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo, xa sexan interiores ou exteriores. Así, o servizo autonómico de Gardacostas de Galicia estivo velando polo seu cumprimento despregando operativos por toda a costa galega dando como resultado o comiso de 1.850 quilos de polbo devolto ao mar así como de 1.200 nasas e máis de 6.000 cacharros que foron incautados.