O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou no acto de inauguración da XIII Reunión do Foro para a gobernanza das TIC en saúde, a posición pioneira de Galicia na innovación dixital en saúde. O responsable do Sergas subliñou que as tecnoloxías dixitais amosaron ter un potencial transformador do sistema sanitario no acceso á atención sanitaria, a eficiencia do sistema, a calidade da atención e a seguridade do paciente. Segundo incidiu na súa intervención, “a Xunta aposta claramente dende hai anos, por empregar as tecnoloxías da información como panca desa transformación”.
Tamén destacou Comesaña que Galicia experimentou un importante crecemento do uso de aplicacións dixitais de saúde, e claros exemplos diso son “os preto de dous millóns de usuarios da aplicación Sergas Móbil e os máis dun millón de persoas que consultaron a información da súa historia clínica electrónica no pasado ano”.
Para o titular da carteira sanitaria, unha estratexia clara do Sergas foi “a organización das tecnoloxías da información baixo un modelo corporativo”, onde as unidades de TIC teñen unha forte dependencia funcional e as decisións se toman de forma consensuada e cun enfoque global de organización.