O Sergas cifra en 30.000 as persoas das residencias e centros de atención á discapacidade que serán vacinadas fronte á gripe e a covid a partir deste luns 25 de setembro. A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, asegura que o proceso de inmunización deste colectivo está previsto que remate o 16 de outubro para que a partir desa data se inicie o dos maiores de 80 anos nos centros de saúde. Logo procederase a citar as persoas menores de 79 anos nos recintos de vacinación masiva, os coñecidos como vacinódromos. O obxectivo de vacinación difire en función dos grupos aos que se dirixe e o virus fronte ao que se pretende inmunizar. A partir deste luns tamén se iniciará a vacinación contra o virus respiratorio sincitial dos nenos e nenas acabados de nacer en Galicia. A idea é administrar a dose nas primeiras 24-48 horas de vida.