Comeza a campaña do polbo, da nécora e do lumbrigante


A campaña do polbo arrincou este luns en Galicia ata a data de inicio da veda do ano 2020. Ademais, tamén comeza a campaña de extracción da nécora e do lumbrigante, que permanecerá ata o próximo 31 de decembro, día incluído.

A cota máxima de captura de polbo é de 30 quilos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 ao día por cada tripulante a bordo, ata un máximo de 210, ata o 31 de agosto. No resto de campaña, a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, e outros 50 ao día por cada tripulante a bordo, ata un máximo de 350. O horario de traballo das embarcacións con nasa para o polbo iníciase ás 6 da mañá ata ás catro da tarde.

En relación coa nécora, a súa explotación desenvólvese nun plan xunto co camarón. A vixencia deste plan é ata o 30 de xuño do 2021. O horario o lance da nasa de nécora e camarón será nocturno con excepcións na ría de Arousa e de Vigo, nas que o calado tamén poderá ser polo día.