A obra do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, vén de iniciar nova fase de alta esixencia técnica na súa construción, na que o edificio cambia por completo a súa xeometría e o sistema estrutural. Esta nova etapa na execución supón un novo fito neste proxecto, o inicio da construción da torre de hospitalización mudará por completo a fisionomía do edificio.
Deste xeito, a execución das obras entran na fase na que o novo edificio cambia de xeometría e pasa da forma rectangular que adoptan os andares inferiores (soto, planta baixa, primeira, segunda, terceira e cuarta), á forma de ‘Z’, que lucirá a torre de hospitalización nos cinco andares superiores, do quinto ao noveno. A actuación entra así nunha fase transcendente, xa que o cambio de xeometría esixe unha transformación radical no sistema estrutural do edificio.
As obras do Gran Montecelo cumpriron en maio un ano de execución e están a desenvolverse nos prazos previstos, tras o desvío do gasoduto e a entrada en servizo das súas redes dun quilómetro de lonxitude, e o remate dos traballos da estrutura de basamento.
Isto permite iniciar nas vindeiras semanas a construción da torre de hospitalización, despois de terse finalizada a cimentación de dúas das tres ramas da ‘Z’, na que só resta a da zona máis próxima ao hospital actual. O proxecto chega así ao seu punto de inflexión, o do cambio disruptivo de deseño entre as plantas inferiores e as superiores.
Co inicio da construción da torre de hospitalización, o Gran Montecelo comezará a mostrar unha das súas pegadas máis personalizada, a da disposición en ‘Z’ que perpetuará e caracterizará a visión do edificio desde o exterior. Será o primeiro hospital de Galicia con este peculiar deseño arquitectónico, nun sector asistencial no que predominan as formas rectangulares cunha torre en vertical ou varias unidas por pasarelas.
A este respecto cabe destacar que o deseño arquitectónico cobra tamén protagonismo no proxecto de construción do Hospital Público Gran Montecelo, xunto coa funcionalidade e a eficiencia tan características das construcións hospitalarias de nova xeración. Nesta actuación, a imaxe e a proxección exterior teñen peso e definen un estilo de edificación que se desmarca e que rompe cos estereotipos existentes dentro do ámbito sanitario.