Comeza a construción da variante da ponte da Ortigueira

1 minutes read

A Deputación da Coruña ultima as obras de mellora da seguridade vial na estrada provincial DP 6121, no núcleo de A Ortigueira (punto quilométrico 7+800), pertencente ao termo municipal de Cariño.

Coa axuda dunha grúa de grandes dimensións estanse a instalar as vigas da nova plataforma do vial na ponte de Ortigueira sobre o río Lourido, unha curva pronunciada onde de producía un importante estreitamento do vial que ocasionaba problemas de seguridade.

Unha vez completada a demolición da edificación máis próxima ao interior da curva, o servizo de Vías e Obras comezou a fase máis complexa dos traballos, «que consiste na execución dunha variante e dunha nova ponte, paralela á actual, que separará os dous sentidos da circulación, dotándoa de carrís de 3,5 metros de ancho en cada sentido que garantan a circulación en condicións de seguridade», segundo explicou o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño.