Comeza a construción dun novo parque infantil na rúa Maastricht

O Concello da Coruña iniciou os traballos para construír un novo parque infantil entre as rúas Maastrich e Porto, na Zapateira. O Goberno local adxudicoulle á empresa Jardincelas SL as obras por un importe de 44.736 euros e un prazo de execución de dous meses. A actuación, coa que se lle dá resposta a unha demanda veciñal, xa que na zona non existe ningunha área de xogo, inclúe a instalación de randeeiras, unha tirolesa, un tobogán, un rocódromo e unha área de múltiples usos destinados a nenas e nenos de entre 1 e 12 anos.

O espazo infantil constará de dúas partes. Por unha banda, créase unha área de xogos de forma rectangular duns 300 m2, onde se instalarán a tirolesa e as randeeiras. Doutra banda, pero preto desta área, instálanse o tobogán e os elementos de escalada.

Con esta actuación, o Goberno local continúa co seu plan para crear zonas de ocio infantil nos barrios que carecen deste tipo de infraestruturas, de habilitar espazos urbanos de calidade tanto para uso deportivo como para uso lúdico.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha