Comeza a conta atrás para o gran xogo do CCA Carballo “A voltas co cole”

2 minutes read

Na mañá deste luns o Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo presentou ao gran protagonista da súa nova campaña “A voltas co cole”; un pasatempo familiar que busca dinamizar o comercio de proximidade e premiar á clientela que realiza as súas compras no pequeno comercio carballés.

No acto, acompañando aos representantes da entidade, estiveron presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que aproveitou a ocasión para felicitar ao CCA por esta innovadora iniciativa e animou á veciñanza “a confiar sempre no comercio local para facer as súas compras, neste caso, de volta ao cole e contribuír así á dinamización da nosa vila”. Pola súa banda, a presidenta do CCA, Silvana Rama, convidou a toda a clientela a participar os días 5 e 19 de setembro na Praza do Concello, nunha actividade que promete ser “moi divertida, familiar e con interesantes premios en xogo para toda a rapazada”.

As persoas que desexen participar deberán presentar os seus vales grampados ao ticket de compra para acceder ao xogo: cada boleto dará dereito a cinco intentos. Con tres acertos obterase un premio de consolación; con catro, un agasallo ou experiencia directa como vales desconto en comercios, sesións de surf, camas elásticas e entradas para o cine; e quen consiga o pleno levará un cheque-compra de 50 € ademais de entrar no sorteo final de cinco tabletas de 10’’ (4 GB RAM, 128 GB ROM).

O sorteo celebrarase o venres 26 de setembro ás 21.00 horas e retransmitirase en directo a través do Instagram do CCA. O prazo para acumular vales rematará o vindeiro día 19.

Comercios participantes

A campaña conta coa colaboración dunha ampla rede de establecementos locais:
Atmósfera Sport, Avanty Publicidad, Benetton, Calzados Susa, Clarión Libraría, Clínica dental Pico Blanco, Dequip Carballo, donClip.es, Federópticos Nicolás, La casita de Lu, Lencería Mª José, Maluca Lobe, Merliño Xoguetería, Mmmm! Xeados, Necos, O barco dos soños, Opticalia Enríquez, Pombo fotógrafo, Refugallo Zero, Retoños, Sweet Spirit, Teirón, Todo Lar, Upa! Espazo barefoot, Zapatillería Isabel e Zocas.

Con “A voltas co cole”, o CCA Carballo reafirma o seu compromiso de dinamizar as rúas da vila, apoiar o comercio de proximidade e ofrecer propostas lúdicas para toda a familia.