Comeza a contratación de dous proxectos do plan especial do IES Agra de Leborís da Laracha


O Concello ten previsto iniciar a próxima semana os procedementos de contratación de dúas actuacións contempladas no Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís.

Pola parte posterior deste centro de ensino xa se completara a adquisición dos terreos afectados, a explanación e mesmo a construción dunha das dúas pistas polideportivas previstas. Agora, o Concello licitará outros dous contratos que suman un investimento total de 343.000 euros.

Por unha parte está a urbanización da prolongación da Avenida Manuel Fraga ata a rúa Maruja Mallo, é dicir, a vía de recente apertura coa que o Concello está a crear unha circunvalación que conectará directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada A Laracha-Soandres (DP-1913) pola Avenida Doutor López Astray, mellorándose sensiblemente as comunicacións rodadas ao evitar que os vehículos deban acceder polo centro do casco urbano da Laracha. Tamén permitirá habilitar un novo acceso cara o instituto para os autobuses de transporte escolar, reforzándose así a seguridade para os seus usuarios.

O proxecto de urbanización desta nova vía inclúe a pavimentación da calzada, construción de beirarrúas, espazo de aparcamento, axardinamento, creación das redes de saneamento e abastecemento, canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública e tamén a sinalización horizontal e vertical, estando contemplado, entre outras medidas, un paso de peóns elevado.

Por outra banda está o proxecto de creación dunha nova pista polideportiva descuberta, que terá unhas dimensións de 42×25 metros máis dous metros de seguridade e nas que se marcará lonxitudinalmente unha pista de fútbol sala de medidas regulamentarias e, transversalmente, dúas pistas de baloncesto. Contará con iluminación con báculos e un valado perimetral de malla.

Xunto a esta pista que se vai crear foi construída recentemente outra pista multideportiva, xa aberta ao público. Ambos equipamentos municipais serán complementarios entre si ao presentar unhas características distintas e estar equipados para adaptar o seu uso aos diferentes grupos de idade.