Comeza a corentena para os estranxeiros que regresan a España

Imaxe dunha persoa nun aeroporto_PIXABAY

  • Esta medida estará vixente durante o Estado de Alarma

Este venres entraba en vigor a Orde, publicada no BOE o pasado 12 de maio, que establece que todas as persoas que están no estranxeiro e regresen a España deberán permanecer no seu domicilio limitando os seus desprazamentos unicamente para adquirir alimentos, produtos farmacéuticos, asistir a centros sanitarios ou por causas de forza maior. Estes desprazamentos realizaranse obrigatoriamente con máscara.

Esta medida aplicarase durante todo o período de prórroga do Estado de Alarma e as autoridades sanitarias poderán contactar coas persoas en corentena para realizar o seu seguimento.

O Ministerio de Sanidade enviou á Axencia Española de Seguridade Aérea un modelo de ficha de datos que se distribuíu entre as compañías aéreas para que sexan completadas polos pasaxeiros. Nese documento deberán plasmar os seus datos e identificar o lugar no que van realizar a corentena. A documentación inclúe ademais unha pequena enquisa epidemiolóxica. Á súa chegada a España, os pasaxeiros deberán entregar este documento.

Ademais, o Ministerio emitiu unha instrución mediante a que establece controis sanitarios á chegada dos viaxeiros, entre eles, a toma de temperatura.

As axencias de viaxe, os operadores de turismo e as compañías de transporte deberán informar os viaxeiros destas medidas ao comezo do proceso de venda dos billetes con destino a España. No caso de aeronaves, as compañías facilitarán un formulario de saúde pública para localizar aos pasaxeiros.

Estas medidas non se aplicarán aos traballadores trasfronterizos, os transportistas e as tripulacións, así como os profesionais sanitarios que se dirixan a exercer a súa actividade laboral, sempre que non estivesen en contacto con persoas diagnosticadas de COVID-19.