Comeza a demolición dun edificio da rúa Sol de Carballo, para reducir o risco de inundacións

Edificio sobre o que se está actuando.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, comezou este mércores os traballos de demolición dunha edificación da rúa Sol, no concello de Carballo, no marco das obras para reducir o risco de inundación do río Anllóns.

Esta actuación forma parte do proxecto de remodelación da ponte sobre o río Anllóns e de creación dunha canle de augas altas.

O inicio das tarefas de demolición do edificio realízase tras executar a semana pasada os labores previos de disposición dos materias de obra, así como a colocacións da andamiaxe e a retirada de fibrocemento da cuberta, o que fai posible acometer agora as tarefas de derrubamento da edificación.

A intervención forma parte das obras para acadar unha mellor protección fronte ás enchentes no río Anllóns, para o que é preciso a demolición da edificación da contorna, cuxos traballos están a iniciarse, ademais da remodelación da ponte e a creación dun canle de augas altas nesta rúa Sol.

Para reducir o riscos de inundación do río, os traballos que se desenvolverán inclúen o derrubamento de tres treitos de escaleiras, unha obra de fábrica pola marxe dereita do río e a habilitación dunha senda coa extensión de 600 m2 de pavimento.

A intervención comprende, tamén, a demolición e construción dunha nova ponte, que terá un único van para mellorar a circulación da auga en caso de crecida.

As obras completaranse coa instalación dunha pantalla lateral de contención e a habilitación de dúas pasarelas de acceso ao paseo fluvial para dar accesibilidade á senda.

Estes traballos contan cun orzamento de máis de 1,5 M€ e teñen un prazo de execución de 8 meses.

As intervencións enmárcanse na colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo, para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€.

Segundo o acordo de colaboración, correspóndelle á entidade hidráulica da Xunta levar a cabo a contratación da redacción e aprobación dos proxectos das intervencións que permitan reducir o risco de inundación nesta área do río Anllóns, a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha