O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou unha suavización das restricións que entrarán en vigor ás 00.00 horas do próximo venres e apelou á prudencia para que os reencontros que poden empezar a producirse sexan responsables.
Durante a rolda de prensa, xunto ao conselleiro de Sanidade, para dar conta das medidas acordadas no comité clínico, Feijóo destacou que, entre as principais novidades: permitirase a interacción social entre persoas non conviventes, aínda que en diferente número -máximo de 4 ou de 6- dependendo da situación en cada zona; e abrirase a hostalería, tamén gradualmente e con limitacións segundo os indicadores.
En relación á mobilidade cara a fóra, anunciou que se pedirá á Delegación do Goberno que se restrinxa a mobilidade con Portugal durante a ponte o que poderá conlevar, se fose necesario, establecer o peche perimetral da Comunidade. No tocante á mobilidade interna, o criterio seguirá como ata agora: nas zonas con máximas restricións, debuxarase un perímetro do que non se poderá entrar ou saír agás por razóns xustificadas; e, nos ámbitos restantes, haberá liberdade de movementos.
Cómpre salientar ademais que: non se introducen cambios no interior dos comercios, onde seguirá habendo aforos do 50%; tampouco no transporte público, que manterá as mesmas condicións vixentes nas últimas semanas; e tampouco no horario nocturno, xa que se mantén as 23 horas como tope máximo de volta ao domicilio.
Desescalada en catro niveis
Sobre o nivel de máxima restrición (para aqueles concellos de máis de 10.000 habitantes con incidencia acumulada a 14 días igual ou maior de 250), salientou que a hostalería poderá abrir só terrazas ao 50 %, ata as 17 horas e cunha agrupación máxima de 4 persoas conviventes ou non. E os concellos que se atopan neste momento nesta situación son: Pontevedra e os concellos perimetrais de Poio e Marín; a améndoa que conforman O Grove e Sanxenxo; a améndoa entre Carballo e Laracha; e de forma individual, terán as máximas restricións Tui, Ponteareas, Moaña, Vilalba, Narón, Redondela, Porriño, Cambados, e As Pontes.
No nivel de restrición medio-alto (para os concellos de máis de 10.000 habitantes, que teñan unha incidencia aproximada de entre 150 e 250 a 14 días e para os de menos de 10.000 habitantes cunha incidencia de máis de 250 a 14 días), a apertura da hostalería realizarase cun 30% de aforo no interior e un 50% no exterior, ata as 17 horas e cunha agrupación máxima de 4 persoas conviventes ou non conviventes.
Nesta situación atópanse, neste momento, as seguintes zonas: a améndoa de Ferrol (Ferrol, Fene y Neda); a améndoa de Vigo (Vigo, Mos, Nigrán e Gondomar); a améndoa de Vilagarcía e Vilanova; os concellos individuais de máis de 10.000 habitantes -Lugo, Lalín, Cangas-; a améndoa Coristanco, Cabana, Malpica, Ponteceso; a améndoa Meis, Meaño, Ribadumia; a améndoa de Cee, Dumbría, Muxía; e concellos individuais de menos de 10.000 habitantes -Oroso, A Guarda, Vimianzo, Ribadavia, Xinzo e Vilaboa-.
No nivel de restrición media -cando a incidencia a 14 días estea entre 100 e 150 nos concellos de máis de 10.000 habitantes, e entre 150 e 250 nos de menos de 10.000- a apertura da hostalería farase cun 40% de aforo no interior e 50% no exterior, ata as 23 horas e cunha agrupación máxima de 6 persoas conviventes ou non. Están nesta situación: a améndoa da Coruña (A Coruña, Arteixo, Oleiros, Cambre e Culleredo), Burela, Laxe, Silleda, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro e Cerdedo-Cotobade.
Por último, no nivel de restrición básica -cando a incidencia estea por debaixo dos 100 en concellos de máis de 10.000 habitantes e dos 150 nos concellos de menos de 10.000- o criterio de apertura da hostalería será de 50% de aforo no interior e 75% no exterior, ata as 23 horas, e cun máximo de 6 persoas conviventes ou non. Nesta situación entran: Santiago, Ames e Teo; Ourense, Barbadás e Pereiro de Aguiar; A Estrada e Ares e seguen o resto dos concellos galegos.
Feijóo concluíu incidindo en que os pasos adiante que se dan nas distintas zonas non se interpreten como un síntoma de relaxación: “Non hai razón para confiarnos, porque segue habendo contaxios e porque canto máis nos abrimos máis risco hai. E por iso pido máis responsabilidade que nunca”, dixo, incidindo en que a Xunta seguirá incrementando ao máximo a capacidade de rastrexo; aplicando as restricións que haxa que aplicar en cada lugar e en cada momento.
Nas comarcas da Costa da Morte queda do seguinte xeito:
Nivel Máximo: Carballo e A Laracha (Reunións de máx. 4 persoas; a hostalería reabrirá só coas terrazas ao 50% e con peche ás 17h).
Nivel Medio Alto: Coristanco, Malpica, Ponteceso e Cabana; Vimianzo; e Cee, Muxía e Dumbría: (Reunións de máx. 4 persoas; a hostalería reabrirá co interior ao 30%; as terrazas ao 50% e peche ás 17h).
Nivel Medio: Laxe: (Reunións de máx. 6 persoas; e a hostalaría reabrirá co interior ao 40% e as terrazas ao 50%, e co peche ás 23h).
Nivel Baixo: Santa Comba, Mazaricos, Zas, Carnota, Muros, Corcubión, Fisterra e Camariñas (Reunións de máx. 6 persoas; a hostalaría co interior ao 50% e as terrazas ao 75%, co peche ás 23h).