Comezou a entrega de material de prevención de incendios

1 minutes read

O conselleiro do Medio Rural, José González, fixo entrega de diverso material de prevención de incendios aos integrantes da Asociación medioambiental Xuresianos/Geresianos “Axuge” desta localidade ourensá.

Esta cesión enmárcase no establecido pola normativa vixente e no desenvolvemento do Plan preventivo 2021 implementado pola Consellería. En concreto, distribuíronse a este colectivo media ducia de motoserras, unha decena de batelumes e outros utensilios como serradoiros e tesoiras cortarramas, concibidos todos eles especificamente para a prevención dos lumes.

O conselleiro reiterou neste acto que “a loita contra os incendios forestais é unha tarefa de todos”, que atinxe tanto ás administracións públicas como aos cidadáns en xeral. Así, cualificou como “un concepto clave nesta materia” a responsabilidade “para cumprir as normas e tamén para alertar dos lumes que se produzan e denunciar os seus causantes”. Nesta liña, trasladou que se trata de protexer as persoas e os bens e que por iso a Xunta quere fomentar a participación cidadá, con accións como esta entrega de material, que supón un investimento, por parte da Consellería, de preto de 6.000 euros.