Acaban de instalar no HULA un dos sete TAC de tecnoloxía espectral destinados a cada unha das sete áreas sanitarias galegas.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou as instalacións onde se atopa o equipo e ao persoal que traballará con el. Tamén o Complexo Universitario de Santiago de Compostela instalou xa o seu equipo e está iniciando a formación dos profesionais no seu uso e a aplicación nos primeiros pacientes, mentres que as restantes áreas sanitarias farán o propio ao longo deste ano 2023.
A mellora que supón a tecnoloxía espectral permite ofrecer diagnósticos con maior confianza e cunha redución da dose do 50 % sen perder calidade de imaxe. Esta tecnoloxía achéganos información sobre a caracterización tisular, a mellora do contraste entre os tecidos e a resolución, de forma que permite a detección de lesións mais pequenas, de grande importancia no seguimento oncolóxico e no diagnóstico de patoloxía cardíaca.
O valor polo que se adquiriron estes sete equipos supera os 8,2 millóns de euros e a súa adquisición formou parte do proceso de renovación de tecnoloxía sanitaria que o goberno galego realizou en 2022 canalizando fondos europeos Next Generation. A Xunta decidiu complementar os fondos europeos recibidos con 4,8 millóns de fondos propios (case un 60% do importe de adxudicación) para poder acceder a estes sete equipos de gama tecnolóxica superior e instalalos en todas as áreas sanitarias galegas.