Comeza a funcionarizacion voluntaria do persoal laboral fixo da Xunta

1 minutes read

A Xunta de Galicia e as organizacións sindicais veñen de iniciar a negociación da segunda fase do proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Administración autonómica. Trátase de prazas incluídas xa na Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2020 e do ano 2021 para a súa funcionarización.

A Dirección Xeral da Función Pública remitiu aos sindicatos os borradores de tres novas convocatorias que recollen a funcionarización dun segundo bloque de categorías de persoal laboral fixo nos grupos A1, A2, e C1.

O proceso de funcionarización está previsto no Acordo de Concertación Social do Emprego Público de Galicia asinado entre a Xunta e os sindicatos en 2019. É un proceso de carácter voluntario que habilita ao persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta que superou un proceso selectivo para ter esa condición de persoal laboral fixo, para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento específico. Estes profesionais seguirán ocupando o mesmo posto de traballo e non sufrirán perdas retributivas.