A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña comezou a retirar a duna de contención que se instala no inverno na praia de Riazor para protexer o paseo marítimo dos fortes temporais. A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, explicou que os traballos se prolongarán durante as próximas semanas para preparar todas as praias da cidade para a tempada estival. «As apisoadoras encargaranse de iniciar os traballos de eliminación da duna, achandando o terreo, para que a veciñanza acceda sen problema ao areal», dixo.
Ademais, engadiu que se realizarán labores de hixienización e limpeza pendentes de que o Goberno central ditamine a normativa que rexerá este verán para utilizar os areais. A concelleira quixo deixar claro que os labores que comezan son os que se realizan todos os anos nestas datas. Tradicionalmente nos areais coruñeses a tempada arrinca o 15 de xuño, pero a situación de estado de alarma en que nos atopamos obriga a adaptarse ás medidas que anuncien as autoridades sanitarias.