Comeza a primeira fase de restauración do Pasatempo de Betanzos

1 minutes read

O  Concello comezou as obras da primeira fase de restauración e conservación do estanque do Retiro do Pasatempo. Técnicos municipais, xunto aos redactores do proxecto e a empresa adxudicataria, xunto aos responsables políticos de Infraestruturas e Patrimonio, Diego Fernández e Andrés Hermida, respectivamente, mantiveron unha reunión de inicio dos traballos que se prolongarán por espazo de 15 meses.

Trátase das primeiras obras incluídas no convenio asinado entre o propio Concello e a Deputación, e que prevé un investimento de 750.000 euros.

Os traballos serán executados pola empresa Parteluz Restauración, especializada en restauración e rehabilitación, que acreditou a súa solvencia técnica cunha relación de obras executadas no últimos cinco anos, avaladas con certificados de boa execución.

O proxecto ten como obxectivo conseguir que todos os elementos arquitectónicos do estanque poidan ser percorridos polo público para o seu coñecemento e goce, e sexan seguros desde o punto de vista funcional e estrutural e adecuados desde o punto de vista estético.