O Concello da Coruña, a través do servizo de Infraestruturas, comezará este luns 4 de abril os traballos de renovación do firme na estrada de Bens, no tramo que conecta a praia de Bens co núcleo poboacional da Moura e a avenida de Fisterra.
A intervención, á que o Goberno de Inés Rey destina un investimento de 400.000 euros, levarase a cabo en dúas fases diferenciadas: a primeira, entre os días 4 e 8 de abril, con traballos en horario diurno que consisten no fresado, saneamento e estendido da capa base na calzada; a segunda, entre os días 11 e 13 de abril, con traballos en horario diúrno e nocturno para a disposición da mestura bituminosa en quente.
As obras permitirán a reestruturación e mellora integral de máis de 17.000 metros cadrados de superficie da estrada que parte da cala de Bens en dirección á avenida de Fisterra, bordeando núcleos poboacionais como Bens, pero tamén Mazaido, A Comeanda e A Moura, así como as naves industriais da propia A Moura.
Por outra banda, o tráfico rodado, que estará garantido durante o transcurso dos traballos, será regulado polo persoal de sinalización e un sistema de semáforos.