Un operativo integrado por axentes medioambientais, vixiantes e persoal especializado ao servizo da Xunta percorreu as praias do Parque Natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para detectar e proceder á retirada dos pellets plásticos que nas últimas xornadas están chegando á costa galega, tanto en sacos como de forma dispersa.
O material que está chegando aos areais galegos procede do buque mercante Tocanao, que perdeu 6 contedores —un deles cargado con sacos de pellets plásticos que agora as correntes mariñas arrastran á costa— cando navegaba por augas portuguesas.
Ante esta situación a Xunta activou agora o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) en nivel 1 e o servizo de Gardacostas mantén a vixilancia sobre todo o litoral, tanto por medios marítimos como terrestres, co obxectivo de detectar con axilidade a presenza destes materiais para que se poda proceder á súa recollida o antes posible.