Comeza a reurbanización da rúa Estela en Carballo

1 minutes read

As obras da rúa Estrela demoráronse pola necesidade de contar coa autorización da Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galicia, xa que se sitúan na zona de protección da autorización de aproveitamento de augas mineiro-medicinais e termais “Virxe da Estrela”. Neste sentido, na execución das obras deberán adoptarse unha serie de medidas que afectan á instalación da rede de saneamento.

A empresa Excavaciones y Obras Candal comezou xa as obras de reurbanización, que completará as actuacións previstas no plan director dos Baños Vellos e, polo tanto, o proxecto de posta en valor da contorna do balneario. Dentro das actuacións encamiñadas a potenciar ese recurso xa se acometeron nos últimos meses as obras de reurbanización das rúas Ourense, Baños Vellos, Pontevedra, Chile e Lugo.

O obxecto da intervención é a mellora da accesibilidade e da seguridade viaria tanto na propia vía coma nos seus entronques coas rúas Perú, Vázquez de Parga e Baños Vellos, dentro do marco de melloras de calidade urbana que se están levando a cabo nos últimos anos. Coa actuación en marcha estenderase á rúa Estrela a plataforma única, que xa existe en todo ese ámbito, e eliminarase unha das ringleiras de estacionamento para ampliar os percorridos peonís e incluír vexetación. Nesa procura da calidade urbana, o proxecto tamén inclúe a instalación de mobiliario e a mellora de servizos.