Esta semana comeza a vacinarse o grupo de persoas de entre 65 e 69 anos, algo que moitos esperan como auga de maio. O Sergas espera recibir 139.000 doses, 122.000 de Pfizer e 17.000 de Moderna.
Polo de agora, non está previsto que cheguen nin de Janssen nin de AstraZeneca, aínda que dende o Sergas indican que isto pode variar durante a semana porque a subministración destes laboratorios sempre é máis imprevisible. Con estas doses poderá seguirse avanzando no proceso de vacinación.
Esta semana que acaba de comezar 190.000 persoas recibirán a súa primeira vacina. A maioría serán dese grupo de entre 65 e 69 anos que comeza así a beneficiarse da vacina. Concretamente, están chamadas 119.000 persoas. De non haber imprevistos, o Sergas conta con ter vacinadas todas as persoas desta idade cunha dose en dúas semanas.
Seguirase avanzando ademais no grupo de entre 60 e 65 anos. Neste caso son 71.000 as persoas convocadas para recibir algunha das fórmulas contra o coronavirus.