Comeza a veda do polbo en Galicia, rematará o 5 de xullo

1 minutes read

A veda do polbo en Galicia acaba de comezar e rematará o 5 de xullo de 2021. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2021/2022, que establece o período de veda do polbo para este ano entre as 16:00 horas deste 30 de abril, ata as 05:00 horas do luns 5 de xullo. As capturas desembarcadas o 30 de abril poderán ser comercializadas tamén o 1 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.

O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan de experimental da especie co fin de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.