Comeza o curso nas escolas infantís de titularidade autonómica, Ponteceso estreará unidade

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou este mércores en Ames a escola infantil de Bertamiráns coincidindo co inicio do novo curso escolar nos centros pertencentes á rede pública autonómica que abren as súas portas cun total 8461 nenos e nenas de 0 a 3 anos admitidos, 201 máis que o curso anterior.

A distribución por provincias dos admitidos é a seguinte: 3479 menores na da Coruña, 3168 na de Pontevedra, 911 na de Lugo e 903 na de Ourense. Así mesmo, cómpre salientar que se reservan 497 prazas para emerxencias e que o número de vacantes ascende a 1187. Para acceder as estas prazas, as familias xa poden acollerse ao período de matrícula extraordinario que rematará en novembro.

No presente curso 2019-2020, Galicia pon á disposición das familias máis de 25.000 prazas sostidas con fondos públicos. Este ano abrirá a nova escola infantil de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa, e tamén se incrementa unha unidade nas escolas infantís de Cedeira, Pontenceso e Lalín-Pontiñas e dúas unidades na escola infantil de Arzúa.

Outras das novidades é que este é o primeiro ano que está en vigor o requisito de que as nenas e nenos deban cumprir o calendario de vacinación para acceder a unha praza pública nunha escola infantil. Neste sentido, a conselleira de Política Social destacou que este requisito “foi plenamente asumido polas familias e comprendido pola sociedade galega”, proba disto é que a totalidade das nais e pais que solicitaron praza teñen os seus fillos correctamente vacinados.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha