Comeza o prazo de matrícula para os exames de carácter libre de varias titulacións náuticas

1 minutes read

Este luns abriu o prazo de matrícula para os exames ordinarios de carácter libre para as titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente. Os exames teóricos e prácticos realizaranse no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico (Vigo), Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e o prazo de matriculación estenderase ata o 15 de marzo, inclusive.

A convocatoria e demais documentación precisa para concorrer a estas probas está publicada na web da Consellería do Mar. No caso da titulación de mariñeiro pescador, o exame teórico-práctico será o día 26 de abril nos tres centros formativos dependentes da Xunta. O mesmo ocorre coas titulacións de patrón local de pesca (sección máquinas), con data da proba o vindeiro 27 de abril, e de patrón local de pesca (sección ponte e común), coa celebración do exame o 28 de abril.

Por último, as probas para a titulación de patrón costeiro polivalente (sección máquinas) serán o 29 e 30 de abril e de patrón costeiro polivalente (sección ponte) terán lugar o 3 e 4 de maio.