Comeza o programa de prevención escolar de Vieiro en Carballo e Coristanco


A asociación Vieiro, dentro do Programa de Prevención Escolar, inicia este luns nos IES de Carballo e no CPI de Coristanco o programa: “O Triángulo da Saúde”. Destinado ao alumnado de 1.º a 4.º de ESO, este programa está dividido en tres bloques:

Acompáñote: consta de 4 sesións sobre habilidades persoais e sociais. O seu obxectivo é proporcionar ao alumnado as habilidades necesarias para o desenvolvemento da súa vida diaria.
Des-conecta: Dúas sesións que teñen como finalidade dotar aos/as alumnos/as de coñecementos básicos para a utilización das novas tecnoloxías dunha maneira saudable e responsable.

Ti elixes, no que se traballan dúas sesións a través das que se pretende facilitar ao alumnado información sobre as distintas substancias adictivas ás que os mozos poidan ter acceso.

O programa “O triángulo da Saúde” levarase a cabo durante o segundo trimestre do curso escolar 2022-2023. As sesións teñen unha periodicidade semanal e unha duración aproximada de 55 minutos cada unha.

Este programa é impartido polas profesionais: Lara Periscal Taibo (psicóloga), Dalila Vizcaíno Regueira (pedagoga), Iria Villar Cancela (educadora social) e Fany Gesto Mallo (psicóloga).

A asociación Vieiro, agradece a excelente disposición dos centros educativos, así como todas as facilidades dadas polos equipos directivos e profesorado para poder levar a cabo este programa, xa que sen a súa colaboración non sería posible impartilo.