Comeza o programa de voluntariado xuvenil que organiza o Concello da Laracha


Nove mozos formarán parte deste programa dirixido a persoas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Durante os próximos meses participarán como persoal de apoio aos técnicos especializados nas diferentes actividades municipais de tipo cultural, social, educativo, deportivo, xuvenil, medioambiental e de promoción do benestar das persoas maiores e da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Os voluntarios recibirán a orientación, a formación e o apoio necesarios para o exercicio da súa actividade. Ao rematar a participación entregaráselles un certificado oficial que acreditará a súa colaboración e recoñecerá o seu valor social. Durante o desenvolvemento das xornadas tamén percibirán unha compensación económica diaria.

O propósito final desta iniciativa, que conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, é fortalecer a aprendizaxe dos voluntarios e reforzar os seus valores solidarios.