A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel,estivo este sábado co alumnado e profesorado dos centros de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) que participan na fase clasificatoria do programa de debate Parlamento Xove, que este ano celebra a decimo cuarta edición. Esta fase inicial celébrase na Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia no Carballiño e conta coa participación de 24 equipos e 96 mozas e mozos.
Cristina Pichel destacou que o obxectivo de Parlamento Xove é potenciar as habilidades individuais e en grupo dos participantes en aspectos como a expresión oral e escrita, a orixinalidade ou a argumentación razoada, entre outros. Así mesmo, este programa fomenta o traballo en equipo, o liderado, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais, e o respecto polas ideas dos demais.
A novidade desta 14º edición de Parlamento Xove é que se abre á participación dos estudantes de calquera módulo ou ciclo de Formación Profesional. Así pois, esta nova categoría súmase ás de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bachalerato e Universidade.
Na convocatoria actual do certame daranse cita un total de 57 equipos e 282 participantes en todas as categorías. Así, aos que competirán na categoría de ESO hai que engadir 19 equipos e 76 alumnos de Bachalerato; 4 equipos e 16 estudantes de Formación Profesional e 10 equipos e 37 universitarios.