O Concello comezou a desenvolver no IES Agra de Leborís o programa de obradoiros de prevención das violencias machistas, iniciativa incluída nas actividades municipais en torno á conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero que se celebra o 25 de novembro. As sesións, que continuarán realizándose no centro de ensino ata as datas previas ás festas do Nadal, están coordinadas polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) e pola técnica municipal de igualdade en estreita colaboración co equipo directivo e o profesorado do instituto.
O programa vai dirixido ao alumnado de todos os cursos da ESO e procura ofrecer ferramentas prácticas que axuden a comprender, identificar e previr as distintas formas de violencia machista que poden aparecer tanto no ámbito persoal como no dixital. A metodoloxía empregada aposta por dinámicas participativas e actividades de carácter lúdico que facilitan á rapazada expresar as súas dúbidas, desmontar estereotipos e reflexionar de maneira crítica sobre as relacións afectivas e a convivencia.
Durante as diferentes sesións trabállanse cuestións como o consentimento, a comunicación respectuosa, os mitos do amor romántico, a detección de sinais de control e a importancia dunha educación afectivo-sexual baseada no respecto e na igualdade. Ademais, facilítase información clara sobre os recursos municipais e educativos aos que poden acudir en caso de necesidade.
O Concello considera que este tipo de intervencións nas aulas resultan fundamentais para construír contornas máis igualitarias e seguras, acompañando á mocidade nun momento clave da súa aprendizaxe e socialización.
Ademais destes obradoiros no IES Agra de Leborís, a programación municipal en torno ao 25N inclúe outras iniciativas como a charla sobre agresións sexuais e violencia sexual, o obradoiro Escape Room: O enigma da igualdade, as obras teatrais Feminísimas e Vicio houbo sempre, así como a V Andaina A Laracha unida fronte ás violencias machistas. Todas elas compoñen unha proposta integral que combina sensibilización, educación e participación cidadá.