Comezan a prestar servizo 984 traballadores do operativo contra os incendios forestais


Un total de 984 traballadores fixos descontinuos de seis meses do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais incorporáronse este luns ao servizo activo, cumprindo así as previsións da Consellería do Medio Rural para reforzar estes labores antes da chegada do verán.

Esta incorporación faise efectiva de acordo coas necesidades de programación e planificación e en función das circunstancias climatolóxicas presentes e previstas. Estes empregados permanecerán en activo ata o vindeiro 9 de novembro.

Así, o persoal que se incorpora forma parte do colectivo de bombeiros forestais, nas categorías de xefe de brigada, bombeiro forestal, bombeiro forestal condutor, oficial de defensa contra incendios, condutor de motobomba, ademais de emisoristas e vixilantes fixos e bombeiros forestais de brigadas helitransportadas. Deste xeito, refórzanse os medios, tanto humanos como materiais, para o correcto funcionamento do servizo de loita contra os incendios forestais.

Ademais, a incorporación deste persoal fixo descontinuo de seis meses suporá un importante pulo para a execución, antes do comezo do período de alto risco, dos traballos recollidos no Plan preventivo, que suporá o investimento de case 30 millóns de euros, para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación, entre outras accións.