- O Concello organiza contos para promocionar a lectura.
Porá en marcha un novo programa infantil que pretende o triplo obxectivo de ofrecer aos nenos unha alternativa divertida para o seu tempo de ocio, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral dos seus pais e, como aspecto central, fomentar a lectura entre os máis pequenos da casa.
Outono de contos desenvolverase nas tres bibliotecas públicas que existen no termo municipal. Organízase coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do programa de dinamización da lectura Ler conta moito.
- O Concello presenta un programa educativo dirixido á inclusión social de familias en Risco.
O programa titúlase Educa en positivo e, por medio de dúas accións diferenciadas e complementarias, pretende responder dun xeito integral ás necesidades educativas daquelas familias con menores ao seu cargo e que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.
Unha das accións denomínase Un paso adiante e ofrecería un reforzo educativo para menores fora do horario lectivo, apoiándoos no desenvolvemento das tarefas escolares para favorecer a igualdade de oportunidades entre o alumnado.
Aprendemos xuntos sería a outra das accións, neste caso centrada na orientación e formación ás familias con menores para o exercicio dunha parentalidade positiva. O propósito esencial é dotar aos participantes coas competencias e habilidades que melloren a calidade da actuación parental e da vida familiar.
Educa en positivo trátase dun programa dirixido exclusivamente a familias e persoas que son atendidas polos servizos sociais municipais.
Ademáis: Formalizados dous contratos de mellora da rede viaria municipal.
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o responsable da empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L., formalizaron os contratos dos dous proxectos de mellora da rede viaria municipal que foron recentemente adxudicados á citada sociedade.
Un deles consiste na mellora de catro camiños situados nas inmediacións do núcleo de Estramil, na parroquia de Torás. O outro contempla unha intervención na parroquia de Lendo (estrada A Xesteira-A Torre), outra en Cabovilaño (lugar de A Teixoeira) e outra en Coiro (núcleo de Os Muíños de Arriba). Entre estas tres actuacións serán mellorados 1,6 quilómetros de rede viaria.
Ambos proxectos están valorados conxuntamente en 132.000 euros. Trala formalización dos contratos, nos próximos días iniciaranse as obras previstas.
