Comezan as catas dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia


As Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2020 desenvolveranse entre este luns e o venres no hotel A Quinta da Auga, en Santiago de Compostela. Unha vintena de expertos serán os encargados de valorar en catas totalmente a cegas máis de 400 mostras que foron recollidas nos últimos días por persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural.

Para optar ás catas, este ano inscribíronse 267 mostras de viño branco e 141 de tinto procedentes de 155 adegas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas. Así mesmo, rexistráronse un total de 25 mostras amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais da nosa comunidade. Neste caso, oito eran de augardente de Galicia, sete de licor de herbas, sete de licor café, dúas de augardente de herbas e unha de augardente envellecida.