Comezan as obras da senda ciclable de Cecebre


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou este mércores a ampliación da Rede Ciclista Metropolitana, que percorrerá a contorna do encoro de Cecebre, espazo natural de referencia na provincia, e chegará aos concellos menos poboados e máis afastados da rede como son Bergondo,Abegondo, Carral e Betanzos.
Formoso e Miñones, acompañados de alcaldesas, alcaldes e edís dos concellos de Bergondo, Carral, Betanzos, Cambre e Abegondo acudiron a Carral, onde acaban de comezar as obras do primeiro tramo para crear este novo itinerario ciclable. A actuación está cofinanciada nun 80% con fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), e o seu presuposto ascende a 2 millóns de euros.
A senda supón a ampliación da rede ciclista metropolitana e incardínase na “aposta da Deputación para promover un novo modelo de mobilidade sostible que ten, por unha banda, un compromiso coa transición ecolóxica, e por outra, supón unha fórmula de dinamización dos territorios polos que pasa no ámbito turístico e socioeconómico”, argumentou o presidente provincial.

Apostouse pola continuación do carril metropolitano, que ten o seu fin, despois de percorrer a vía ciclista do Burgo, ao pé do encoro de Cecebre. Partindo dese punto, con sendas que utilizan camiños públicos como base, crearanse arredor de 30 quilómetros de senda ciclable que bordeará o encoro de Cecebre. Desde aquí sairá un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral, transcorrendo por núcleos de poboación de Abegondo, como Sarandóns, e pasando por lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás, o Observatorio de Aves de Crendes ou o monumento aos Mártires de Carral.