A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras das sendas de Montecelo e Bormoio, no concello de Coristanco, que suporán un investimento de 777.000 euros e que favorecerán os desprazamentos a pé cara ao centro comercial Carrefour.
A intervención, cun prazo de execución de 8 meses, desenvolverase en varios treitos da estrada AC-552, concretamente entre os puntos quilométricos 34,4 e 34,8, e 44,3 e 45,0.
Os novos itinerarios darán continuidade á senda de 2,5 km que vai desde a saída de Carballo ata o inicio das beirarrúas de Coristanco e que supuxo un investimento da Xunta de 1,1 M€.
Construiranse, en total, algo máis de 1,3 km de sendas en formigón coloreado en terra para facelas máis visibles e para unha mellor integración na contorna. Serán itinerarios de uso fundamentalmente peonil, cun ancho mínimo de 2 metros, que mellorarán a mobilidade dos veciños.
O primeiro dos itinerarios previstos na AC-552, en Montecelo, irá desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial. Executarase pola marxe esquerda da vía e terá unha lonxitude de 800 metros.
Neste treito hai unha zona onde xa hai beirarrúas, polo que a senda prevé a súa renovación, aproveitando o trazado e redefinindo a sección transversal. Na zona de solo rústico, onde non hai beirarrúas habilitarase a nova senda peonil e aproveitarase para acondicionar a curva existente.
No núcleo de Bormoio, onde se executará o segundo treito de senda, o itinerario terá unha lonxitude de 560 metros e irá pola marxe dereita da estrada, entre Agualada e o acceso ao cemiterio de Agrilloi. Neste treito, ao seu paso polo río Calvar, ampliarase a ponte mediante un voadizo que permitirá a integración na plataforma do espazo necesario para darlle continuidade á senda nese punto.
Os traballos completaranse coa mellora da drenaxe naquelas zonas onde xa existe rede de pluviais e, onde non hai, coa dotación de colectores e a colocación dos pozos de rexistro necesarios para a conexión cos sumidoiros, ademais de pequenos muros de contención.
As intervencións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.