Comezan as obras de acondicionamento da travesía da Ponte do Porto

2 minutes read

A Deputación da Coruña iniciou as obras de acondicionamento e mellora da travesía da Ponte do Porto, no Concello de Camariñas. Uns traballos valorados en 400.446 euros que estaba previsto que comezasen no mes de marzo pero que tiveron que adiarse por mor da expansión da COVID-19.  

Os técnicos do servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña visitaron a zona xunto coa alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, como paso previo ao inicio da obra.  

Unha actuación complexa que contempla o fresado da capa de rodaxe da estrada e a posterior reposición do pavimento con cinco centímetros de mestura bituminosa en quente. Así mesmo, procederase á demolición das beirarrúas e bordos existentes e levarase a cabo unha nova distribución das zonas axardinadas. Rematados estes traballos, construiranse novas beirarrúas.

As obras tamén incluirán a creación de novas prazas de aparcamento, pavimentadas con formigón. Para delimitar o a zona de aparcamento coa calzada, disporase unha canaleta prefabricada de formigón dotada cunha reixa para que tamén cumpra a función de recollida de augas pluviais.  

Para humanizar o paseo da ría colocaranse árbores e bancos de pedra granítica, substituiranse os farois por uns novos de características similares aos xa existentes e disporanse novas luminarias empotradas ao longo do paseo. A nova iluminación será de tecnoloxía LED, o que permitirá ademais un importante aforro na factura eléctrica.  

Así mesmo, limparase con agua a presión o muro e a varanda, logrando deste xeito un aspecto renovado.  

A totalidade das obras realizaranse conforme ás normativas vixentes en materia de accesibilidade, e contemplan a supresión das barreiras e obstáculos que impiden ou dificulten o uso da vía ás persoas con diversidade funcional ou sensorial.  

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “se reafirma o compromiso que sempre amosou a Deputación de levar a cabo estas obras” e lembrou que está prevista unha “segunda fase, que continuarán as melloras cun investimento adicional de 493.156 euros”.  

Pola súa banda Sandra Insua expresou a súa “satisfacción por ver que pronto será unha realidade esta obra tan necesaria e demandada polos veciños da Ponte do Porto debido sobre todo ao perigo que representa para os veciños o mal estado das baradillas e dos pavimentos da zona”.